NA PROCURA DO MITO DE LUPA
A historia da Raíña Lupa está contida no Codex Calixtino, pero xunto a este relato culto existe en Galicia toda unha tradición oral que contén outra historia paralela ao chamado relato culto, e que sitúan á Raíña Lupa en diferentes lugares do país. Xuntamos ambas as fontes, a bibliográfica e a oral, para construír un relato coral que nos permita seguir as pegadas do mito de Lupa polas catros provincias galegas e dar conta do seu relato dende o seu primeiro encontro con Santiago apóstolo ata a súa morte e posible descendencia.
A TRASLATIO DO APÓSTOLO SANTIAGO
Os Feitos dos Apóstolos e a Epístola de San León Papa contan que despois da decapitación de Santiago O Maior por orde de Herodes Agripa, os verdugos botaron o seu corpo e a cabeza nas aforas de Xerusalén, para que o devorasen as feras. Os seus discípulos, Teodoro e Atanasio recollérono e lévano cara á ribeira do mar de Haifa onde, a bordo dunha milagreira barca de pedra, parten cara a Galicia co corpo do apóstolo. Deste xeito chega á nosa terra e, entrando pola ría ría de Arousa e subindo polo río Ulla, arriban a Iria Flavia.
Táboa do século XV que representa a translatio (Museo Diocesano de Camerino, Italia)
CURIOSIDADE: SANTIAGUIÑO DO MONTE
En Santiaguiño do Monte, antes chamado monte de San Gregorio, conta a tradición que foi o primeiro lugar onde Santiago predicou en terras galegas. Hoxe en día, sobre o conxunto de penedos que existen no lugar eríxese un cruceiro coa imaxe do apóstolo. Fronte a el temos unha pequena capela, a coñecida como casa do ermitán e unha fonte que nace baixo o templo. Posiblemente esteamos ante a cristianización dun antigo lugar de culto.
O ENCONTRO COA RAÍÑA LUPA
Conta a lenda que cando os discípulos do Apóstolo Santiago chegaron a Iria Flavia (Padrón) cos seus restos, achegáronse ao castelo da soberana desta terras -a raíña Lupa- para pedirlle axuda para trasladar o corpo do apóstolo e darlle sepultura. Algunhas tradicións sitúan o seu castelo no castro Lupario, outras no monte Lobeira sobre o castro de Alobriga, en Vilagarcía e non faltan as lendas que o sitúan no castro de Mallou, en Carnota. Nese primeiro encontro cos discípulos do apóstolo, Lupa díxolles que tiñan que solicitar a autorización ao rei de Duio, quen gobernaba en terras de Fisterra, e alí se dirixiron os discípulos de Santiago.
Representación do sartego de Santiago conducido ante a raíña Lupa na igrexa de San Jaime, Castellón.
A DESTRUCIÓN DO REINO DE DUIO
O rei de Duio, desconfiado, ordenou prendelos e encerralos nunha cela da que foron liberados milagrosamente por un anxo. En castigo por ter apresado a Atanasio e Teodoro, Deus asolaga á cidade de Duio, cuxas ruínas, segundo a tradición, sitúanse baixo os areais e as augas da praia de Lagosteira, en Fisterra. Contan as lendas locais que na noite de San Xoán aínda se poden escoitar baixo os areais e as ondas da praia de Lagosteira os xemidos da cidade asolagada de Duio.
Recreación artística do asolagamento da cidade de Duio (Fuco Prado)
Conta o Codex Calixtino que, ao decatarse da milagrosa fuga, os soldados do rei de Duio perseguen aos discípulos e, cando xa estaban a piques de collelos, a ponte Nicraria sobre o río Tambre (no concello de Rois) afúndese co exército.
Recreación artística do afundimento da ponte Nicraria (Fuco Prado)
CURIOSIDADE
No alto do monte San Guillerme, no propio cabo de Fisterra, atopamos as ruínas dunha antiga ermida. A ermida de San Guillerme asóciase a antigos ritos de fertilidade. Segundo deixou recollido o ilustre Padre Sarmiento alí se atopaba a cama do santo, sartego milagreiro capaz de dar a fertilidade ás parellas estériles que xacían sobre el. Esta ermida, asociada dende antigo ao culto xacobeo e ao final do camiño, foi, segundo algunhas lendas, construída polo mesmísimo Santiago.
OS MILAGRES DO PICO SACRO
Os discípulos de Santiago volven xunto a raíña Lupa en demanda de axuda. Lupa mándaos a un lugar libre de dominio, o Monte Libredón, e dálles uns bois e un carro para transportar o corpo do Apóstolo, mais, cando chegaron ao Monte Illicino (o Pico Sacro), os bois transformáronse en touros bravos. Os discípulos de Santiago, vendo que ían perecer atacados polos touros, fixeron o sinal da cruz e, de súpeto, os touros amansaron. É no Monte Ilicino, onde tamén se teñen que enfrontar e vencer coa axuda da cruz a un temible dragón que habita nas covas desta montaña de Boqueixón.
CURIOSIDADE
Na Fonte de Lupa en San Pedro de Vilanova de Vedra, existe un epígrafe que narra os feitos da lenda da raíña Lupa. Tras a capela do Santiaguiño e ao pé do camiño de Santiago (Vía da Prata), érguese unha fonte construída en 1670. A ambos os lados mostra dúas figuras procedentes do coro pétreo do Mestre Mateo, desmontado en 1603-1604. A inscrición da fonte da capela do Santiaguiño recolle a lenda da raíña Lupa e o traslado do corpo do Apóstolo no carro cos bois que amansaron milagrosamente no Pico Sacro.
A CONVERSIÓN DE LUPA
Segundo algunhas tradicións, a raíña Lupa converteuse ao cristianismo ao ser coñecedora do milagre da destrución da ponte e da fuxida dos discípulos de Santiago.
Outras tradicións, como a recollida en Padrón, din que foi o propio Santiago o que a bautizou cando estivo en Galicia predicando. Así se pode ver nos relevos da Fonte de Santiago, nos relevos que dan entrada á capeliña de Santiaguiño do Monte (a carón das pedras nas que contan predicou o Apóstolo) ou nos cadros da igrexa de Santiago, en Padrón.
Outra versión da lenda conta que cando a raíña Lupa soubo do milagre acontecido a pés do Pico Sacro, cando Atanasio e Teodoro foron quen de amansar os touros bravos e vencer ao dragón da montaña, decidiu abrazar a fe cristiá, mandou destruír os ídolos e santuarios pagáns e, para conmemorar o prodixio, mandou construír o castelo de Torés, no concello de As Nogais (Lugo), cuxo nome foi posto en homenaxe aos touros que transportaban o corpo do Apóstolo.
Independentemente das diferentes versións, o feito narado é que tras os milagres do Pico Sacro e da fuxida de Duio, a Raíña Lupa non puido máis que renderse á evidencia da intervención divina e ao poder da fe dos discípulos Atanasio e Teodoro. Conta o Códice Calixtino que Lupa mandou destruír os antigos templos e ídolos pagáns e que se converteu ao cristianismo. Feito isto, cedeu os terreos para a construción da tumba do apóstolo.
A MORTE DA RAÍÑA LUPA
A partir de aquí, desaparecen as referencias a Lupa no Codex Calixtino. Os textos non volverán falar dela pero a tradición oral ten a súa propia versión dos feitos e esta lévanos ao concello ourensán de Os Brancos.
O Penedo da Raíña Loba atópase na parroquia de Covas, no concello de Os Brancos (Ourense). Sobre estes outeiros graníticos, erixiuse nos séculos XIII-XIV un castelo rochedo. Segundo a tradición, sería neste antigo castelo situado no alto do Penedo da Raíña Loba onde habitaría Lupa. Unha raíña que, consonte ás lendas do lugar, era unha muller cruel, mala e desalmada, que tiña aterrorizados a todos os veciños da contorna. Contan que a raíña Loba, como se lle coñece por este lares, obrigaba aos seus súbditos a levarlle todos os días un xato, unha ovella e un porco. Quen se negaba a entregarlle o tributo era asasinado, e a súa casa e colleitas queimadas.
Recreación artística da revolta de Pexeirós (Fuco Prado)
Un bo día, fartos de tanta inxustiza e sufrimento, xuntáronse todos os veciños de Pexeirós e acordaron levantarse en armas contra a tiranía da Raíña Loba. Unha noite asaltaron o castelo, matando aos seus moradores que estaban a durmir e acabaron coa raíña. Non se sabe moi ben como morreu Lupa (ou Loba), uns din que foi asasinada polos veciños enfurecidos, outros contan que, ao verse acurralada, suicidouse lanzándose dende o alto da torre. Fose como fose, na tradición oral quedou unha copla que fala do sucedido:
Fidalgos de Pexeirós
matastes á Raíña Loba
Fidalgos quedastes vós.
Recreación artística do suicidio da raíña Lupa (Fuco Prado)
A TUMBA DA RAÍÑA LUPA
Morta a raíña Lupa, a tradición oral levaríanos de novo a Carnota, onde as lendas sitúan a súa tumba nos cumios do sagrado monte Pindo. Mais, incluso neste tema o misterio segue rodeando á figura da mítica raíña. Segundo unha das lendas, o corpo de Lupa estaría soterrado a carón da muralla aos pés da Moa do Pindo, xusto no lugar coñecido como Campo da Raíña Lupa. Outra lenda di que realmente a súa tumba se atopa baixo a soleira da entrada do castelo de san Xurxo, lugar coñecido como O Pedrullo. Incluso unha terceira lenda sitúa a súa tumba nun lugar impreciso do río Caldelas.
OS FILLOS DE LUPA
A tradición oral atribúelle a Lupa descendencia. No concello de Lobeira (Ourense) cóntase que o lugar de Parada do Monte debe o seu nome a que por alí pasou un día a Raíña Loba (Lupa) camiño da Limia. Contan que, chegado ao lugar, a raíña Loba sentiuse indisposta e a comitiva tivo que deterse no medio daquel monte, que dende entón se chama Parada do Monte. Os acompañantes da Raíña Loba montaron o campamento no lugar que se chama Cobiñas e alí, en Parada, a soberana daría a luz. Dise que cando marchou do lugar, para deixar memoria do acontecemento, fundou perto de alí o lugar que que hoxe coñecemos como Lobeira.
Respecto a que foi desa suposta descendencia da Raíña Lupa, as pegadas do mito lévannos neste punto ao Pazo de Oca, na Estrada. Os investigadores relacionan a figura do misterioso Cabaleiro da Sierpe, a estatua principal que ornamenta o estanque do Pazo de Oca, coa linaxe mítica dos Neira, familia que a partir do século XVI transformaría a vella fortaleza de Oca no pazo que é hoxe. Segundo a orixe mítica da familia, os Neira descenderían de Darío, gran cazador e fillo da propia raíña Lupa. Xa que logo, poderíamos dicir que foron os descendentes de Lupa os responsables de construír o “Versalles galego”, como se lle alcuma ao pazo de Oca.
CURIOSIDADE: O SARTEGO DE SAN TROCADO
Perto de Lobeira atópase o concello de Bande, que ten unha interesante conexión coa nosa historia pois, segundo a tradición, na igrexa de santa Comba de Bande gárdase o sartego que pertenceu a san Trocado, un dos discípulos de Santiago en terras galegas. Actualmente, os seus restos están no mosteiro de San Salvador de Celanova, a onde foron levados en 1601. Ata entón estiveron na igrexa de Santa Comba de Bande, onde aínda se conserva o seu sartego, feito nunha soa peza de mármore e ao que a xente lle atribúe propiedades curativas para doenzas de ouvidos e vista cando os pos do sartego son disolutos e administrados en auga.
O sartego de San Trocado na igrexa de Santa Comba de Bande (fonte: wikipedia)
CONCLUSIÓN
O relato da Raíña Lupa, como ben puidemos comprobar, agocha infinidade de variantes e historias transversais que estenden a tradición deste mito por toda Galicia e non só na contorna de Iria Flavia ou Santiago. Montañas, covas, praias, fontes, templos, castros e moitos outras xeografías galegas aparecen vencelladas aos relatos de Lupa convertendo o noso país nunha auténtica xeografía mítica sobre a que se teceron ao longo dos milenios lendas, relatos e historias que conforman parte fundamental da nosa cultura como pobo. Precisamente ese é o valor da historia da raíña Lupa, que é unha mostra máis da riqueza do noso patrimonio inmaterial, máis aló do que haxa ou non de certo no seu relato. Velaí, unha vez máis, a potencia da cultura galega e da súa historia e patrimonio.
Debe estar conectado para enviar un comentario.